
“En determinadas ocasiones, es la misma divinidad la que guía la marcha y está al frente de la rotación de este universo en que habitamos nosotros; en otros momentos lo deja ir, cuando los períodos de tiempo que le están asignados han llegado a su término, y el universo vuelve entonces a comenzar por si mismo, en sentido inverso, su ruta circular,, en virtud de la vida que lo anima y de la inteligencia con que le dotó, desde su origen, el que lo compuso”. Platón. El político, o de la realeza.
O conto “Viaje a la semilla” de Alejo Carpentier forma parte da triloxía de relatos que integran Guerra del tiempo, título que preludia o principal trazo que define estes relatos, a inversión do tempo lineal e lóxico das narracións, o que presupón unha ruptura coa concepción e visión da realidade propias da cultura europea. Carpentier formula neste conto temas como a concepción dun tempo circular onde se pregunta sobre a diferenza entre principio e final, vida e morte, onde se cuestiona a temporalidade lineal e logocentrista aristotélica fronte á vixencia do tempo mítico indíxenista de América, ao tempo que postula unha volta ás raíces, nunha busca da identidade e dos valores latinoamericanos como principio e condición necesarios para a rexeneración da cultura latinoamericana mesma. O tratamento destes temas permítennos un achegamento ao relato desde unha reinterpretación mítica, significativa e recorrente en toda a literatura latinoamericana que se coñece como “real marabilloso e realismo máxico”. A morte e retorno á vida e o simbolismo da semente son evocados na figuras de Ceres, ligada aos ciclos da terra, e Venus que se asocia con Eros, a fertilidade (semente), mais tamén principio da noite, orixinando así a viaxe circular. O tema central do relato xira, pois, en volta deste mito da regresíón, das orixes humanas, que describe Platón en “El político, o de la realeza”, e presente en distintas culturas extraeuropeas, sobre todo da mitoloxía mesoamericana. Trátase, en suma, da posibilidade de renovar e rexenerar a existencia dos seres vivintes en xeral e do ser humano en particular. Platón formula este mito como explicación de ciclos alternantes da historia do mundo pertencentes, un ao mundo do Odio e outro ao mundo da Amizade, caracterizados respectivamente pola ausencia ou presencia da divinidade. Cando esta toma o control, detense o curso de crecemento dos seres vivintes, e logo comeza un novo proceso en sentido inverso ou contrario que dá lugar a unha nova xeración nada da terra; serán os Fillos da terra, os homes vinculados coa terra para sempre porque dela xorden igual que as plantas, os autóctonos. O mito da regresión ou tempo invertido vincúlase en Carpentier coa Idade de Ouro, que intúe nunha Utopía do pasado, definida con maior precisión noutras obras do escritor, especialmente en Los pasos perdidos.
Viaje a la semilla narra esta nova fase vital, que tamén ten moito de revolución, como se o home comezara outro camiño en dirección á xuventude e rexeneración ou ordenación do caos, regresar ao mundo orixinal das ideas. O conto discorre seguindo a lóxica da recorrecencia, de acordo coa técnica musical de inicio e retorno. A similitude estrutural e temática cunha sinfonía musical realza a interpretación do relato como recreación mítica desta busca da utopía.
O relato iníciase cun movemento impetuoso e de grande intensidade, que evoca un son sinfónico “fortissimo” para escenificar o momento sombrío en que a figura espectral do vello, cal un deus creador, pon en marcha a trama narrativa que recreará de forma tan atinada e singular a vida de don Marcial: “Varias veces cayó la pregunta de lo alto de los andamios”, “Las cornisas y entablamentos se despoblaron”, “Cuando cayó la noche…”. “Cuando (el viejo) encendió los velones”, “don Marcial pulsó un teclado invisible y abrió los ojos”, o mundo foi creado. Desde o caos incial (“confusas y revueltas las vigas”), o tema narrativo avanza nun movemento “crescendo” alternando con variacións melódicas contrapuntísticas até o brioso “allegro” do grande “sarao” (cap.VI) que supón a marioría (minoría) de idade de protagonista e, en consecuencia, o inicio do transcorrer sereno dunha adolescencia e infancia, cal un andante musical de ritmo descendente con distintos movementos contrastivos, relevantes significativamente no nivel amocional, que desemboca nun final onde predominan os momentos fortes (cap. XII) e un desenlace en forma de subtil e progresivo silencio: “Pero nadie prestaba atención al relato, porque el sol viajaba de oriente a occidente, y las horas que crecen a la derecha de los relojes deben alargarse por la pereza, ya que son las que más seguramente llevan a la muerte”.