sábado, 26 de enero de 2008

Veinte poemas de amor


Pablo Neruda rememora en Confieso que he vivido as fontes das que flúen os versos máis apaixonados da literatura española do século XX. Veinte poemas de amor y una canción desesperada é un libro de amores adolescentes, que garda entre as súas páxinas olor a mar, a choiva de atardeceres outonais, a rúas molladas de Santiago, a ventos de tempestades que sacoden un corazón enamorado de adolescente. Son versos que nos cautivan pola frescura das imaxes que expresan a hiperbólica paixón dos amores primeiros, vividos co dramatismo e grandeza pripios da xuventude. Hai nestas páxinas unha sensación de que podemos crer no poeta, de que nos fala desde a liberdade e autenticidade vital. É este ton confesional de poeta enamorado o que nos leva a considerar o poemario como exemplo de poesía vitalista, luminosa e xuvenil, que nos revela, por medio da intensidade visionaria e profunda das imaxes, a transcendencia e marabillas dun corazón entusiasta e enamorado. A pesar da melancolía e tristeza que preside o clima sentimental en moitos versos, os poemas despertan no lector o soño e ilusión de vivir, de sentir, de amar. A evocación da natureza exuberante das terras austrais, de luces e cores crepusculares, noites de luar e ceos estrelados, de forzas oceánicas e praias solitarias, son o espírito que convoca Neruda nunha especie de unión telúrica coa amada, e conforman o clima sentimental de melancolía e tristeza do poeta, mais tamén de liberdade salvaxe e plenitude erótica.
Poesía para enamorados, desesperanzados, escépticos e hedonistas, para os que son felices, para os que se senten tristes ou abandonados, para os roqueiros, rapeiros e nostáxicos, para os que soñan e saben que deixar de soñar é deixar de vivir, como sabía Álvaro Cunqueiro. ¡Cantos destes versos se cruzaron no destino de tantas parellas de amantes!