
Pedro Páramo (1955) ten sido considerada por máis de un crítico literario como a mellor novela escrita en castelán do século XX. Esta consideración de privilexio da novela nace da complexidade e ambigüidade dos distintos elementos que a conforman.
Unha novela marcada por máis dun enigma, e o primeiro deles é saber se foi Pedro Páramo quen buscou a Juan Rulfo para que lle dese vida e celebridade ou, mais ben, Juan Rulfo debe a súa sona á creación de Pedro Páramo.O enigma formulado como idea de busca e procura dun soño ou ideal é precisamente o obxectivo e motor que pon en acción os protagonistas da novela, mesmo desde a frase antolóxica con que dá comezo a trama: “Vine a Comala porque me dijeron que acá vivía mi padre, un tal Pedro Páramo”. Juan Rulfo acaba de convidar ao lector a entrar nun universo cheo de interrogantes e intriga, para os que precisa dunha resposta. Quen é este personaxe que nos anuncia a súa viaxe en busca do pai? Por que e para que desexa, en verdade, atopar un pai do cal semella que non sabe con certeza (“un tal") nin o seu nome? Que buscará realmente Juan Preciado? Haberá talvez alguén interesado en que ache e coñeza o seu proxenitor? Quen é ese “tal Pedro Páramo"? Que é Comala? Terá este escenario –real ou imaxinario- algún sentido especial derivado de referentes históricos, culturais, míticos, etc.? O lector verase arrastrado durante a lectura pola avidez de desenmascarar todos estes misterios que, talvez, non teñan unha doada e diáfana solución.
Rulfo recrea nun espazo fantástico, Comala, os mitos (aztecas) da busca da Idade de Ouro e o Eterno Retorno por medio de personaxes que habitan un mundo de sombras, convertidos eles mesmos en pantasmas na procura da felicidade. Este universo mítico vese así transformado nun Inferno de Dante como castigo polas trnsgresións éticas dos mesmos personaxes (asasinatos, suicidio, violacións, incesto, violencia). As fronteiras entre vida e morte quedan borradas e a temporalidade, en consecuencia, está dominada pola anticronoloxía e a non-causalidade, polo que o desorde e o caos presiden o universo novelesco. Dos personaxes só saen ecos e voces ou mesmo o silencio, convertidos en ánimas con nome que transitan por camiños e rúas difuminados nun mundo fantasmagórico. A Revolución Mexicana, a Guerra Cristera, o inmobilismo da sociedade mexicana, mundo máxicos das tradicións, relixiosidade popular e supersticións constitúen os círculos externos ou telón de fondo da trama novelesca. O ritmo narrativo, a linguaxe forte e precisa, profundamente poética e metafórica en ocasións e estilización da fala popular noutras, trazan un modelo estético inigualable na literatura en lingua castelá.
Actividade:
1. Redacta un comentario no que inclúas: correspondencia das escenas do primeiro vídeo cos cadros da novela, idendificación de personaxes, temas que se recollen nestas escenas, tratamento da temporalidade, escenarios e clima que reproduce a película, perspectiva do obxectivo da cámara, opinión e impresións persoais do clip da película.
2. Logo de veres o segundo vídeo, redacta unha síntese da historia que se narra en Pedro Páramo
